martes, 8 de diciembre de 2009

Revisión de “Una nueva visión del proceso comunicativo: La teoría del enfoque (Framing)”


Pode que a cuestión non sexa tanto negar a especularidade dos medios, senón valorar as características dos propios espellos. Salvo choques de intereses, nas súa informacións si que actúan como tales. O que acontece é que os espellos reflicten aquilo que se lles pon por diante, e aquilo que a súa capacidade de refracción é quen de devolver. A imaxe rexistrada dese reflexo depende do tamaño do espello, do ángulo co que foi colocado, do tempo que estivo colocado diante dese anaco de realidade e da persoa que se encargou de transmitir a súa percepción.

O problema reside en equiparar os espellos co concepto tan cobizado, á vez que imposíbel de atixir, que é a obxectividade. As noticias, as reportaxes, as entrevistas son espellos, unhas veces de aumento, outras, estilizantantes. E tamén son, por suposto, enfoques, esceas, cadros.

A distancia que separa a información da interpretación ten o grosor do cabelo dun elefante, ou unha febra de azafrán. Non quere dicir que se trate de pura opinión, entendida propiamente como tal, que se camufle sutilmente de obxectividade, como se di no texto para revisar. Todo é interpretación, incluso en pezas que recollan declaracións e propostas de accións concretas.

De que depende o enfoque? Da axenda cotiá do medio, do encargado de sección, das circunstancias que rodean a información; do xornalista e toda a súa casuística; do tempo que se poida dedicar ese día á nova; da sorte; do espazo que se disponga na sección e, tamén, na páxina; da maquetación, do momento… Un mesmo xornalista, por ejemplo, podería poñer o espello contra un elemento diferente da realidade dependendo do momento no que se enfronte á peza. Os enfoques, nas historias ricas de matices, son múltiples. Ás veces, a maioría, trátase dunha escolla, sen máis. A vida consiste en tomar decisións sobre aquilo que se nos pasa diante dos ollos en forma de vida. Como dicía Caetano Veloso, “uma escola que a gente precisa aprender”. E nos medios, cada exemplar é froito dun conxunto de decisións que deron forma a esa conxunto de páxinas e as constituíron nun xornal, ou a ese conxunto de arquivos sonoros que levaron ao programa do día.

É coherente o que recolle Pilar Jiménez Armentía. O xeito de funcionar do noso, aínda en parte descoñecido, cerebro é ese tamén. Unha escolla de elementos. Quedamos co que nos parece máis interesante, co que en cada momento cadra, ou non. Eleximos os camiños da nosa existencia, que non son os perfectos, nin son mellores, nin peores, no momento da elección. Ás veces despois un se arrepinte do enfoque, outras se autoaplaude. Pero o publicado, publicado está. Apréndese para o día seguinte, para non caer. Escóllese outro encadre, outra perspectiva, e fáiselle chegar aos demais. É preferible aproximarse a un farrapiño de realidade que quedarse en nada por pretender abarcalo todo. Así é o xornalismo. Nin a verdade absoluta e o rigor inmaculado que algúns todavía abandeiran, nin un monte de mentiras e intereses escuros e pérfidos. É nin máis nin menos iso, reflexos, enfoques, decisións. E o que non escolle queda fóra do xogo, vendo como a película lle decorre por diante dos ollos; iso si, tamén fotograma tras fotograma.

1 comentario:

  1. poderiamos establecer na análise da infografía dimensións da teoría do encadre, onde aparecería, cómo aparecería, cal sería a función... Na infografía tamén se poden manipular os datos?
    Pode revisar o seguinte enlace.
    Mal uso dos datos e da infografía
    http://www.xocas.com/blog/?p=607

    ResponderEliminar